Monday 29 de April de 2024

Mañá comeza a campaña extrctiva de centola nas provincias da Coruña e Pontevedra


— Na provincia de Lugo a centola permanecerá en veda ata o vindeiro 27 de novembro, día incluído

— A campaña do boi tamén abre mañá en todo o litoral de Galicia e estenderase ata o inicio da veda do próximo ano

A campaña extractiva da centola comeza mañá nas provincias da Coruña e Pontevedra. Nas áreas que van de cabo Corrubedo ata A Guarda (na provincia de Pontevedra) e de cabo Corrubedo ata Estaca de Bares (na provincia da Coruña), a actividade réxese polo establecido no decreto que regula en Galicia as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas para a extracción profesional dos recursos mariños vivos. O comezo da actividade extractiva supón tamén o inicio da comercialización das capturas desta especie, que volverá a estar presente nos mercados.

A campaña deste crustáceo nestas dúas provincias prolongarase ata o inicio da veda do ano 2023, que se fixará a través do correspondente plan de xestión. No caso da costa que vai de Estaca de Bares ata o río Eo -incluíndo a ría do Barqueiro, na provincia de Lugo, a campaña comezará o 28 de novembro pois o plan de xestión que regula esta especie establece a veda nesta zona ata o 27 de novembro, día incluído.
O Executivo galego tamén abre mañá a campaña extractiva do boi en todo o litoral de Galicia, polo que a frota dedicada á pesca desta especie pode calar os aparellos de acordo co establecido no decreto de artes e aparellos e comercializar en lonxa as capturas que realice. A actividade manterase ata o inicio da veda do próximo ano, que quedará fixada no correspondente plan de xestión.

A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, á que se lle engadirán 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo. Poderán participar na campaña todas as embarcacións de artes menores e con porto base en Galicia así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.